28.11.09
2º PREMIO VICTORIANO TAIBO
Mª Carmen Caramés
Elvira Riveiro
Silvia Penas
Hoxe sábado ás 19 horas nas Escolas de Guillufe, Morgadáns, en Gondomar, entregase o 2º Premio de poesía Victoriano Taibo.
As premiadas este ano foron dúas obras : Biografía da Multitude das poetas Elvira Riveiro e Silvia Penas e Cuarto Minguante de María Carmen Caramés Gorgal, premio compartido ex aequo.
28.9.09
VII PREMIO NANO CAMBEIRO PARA O SUPLEMENTO DO VAL MIÑOR DA PENEIRA
Amigos e amigas do IEM _ _ * *O suplemento mensual do xornal A PENEIRA, A PENEIRA DO VAL MIÑOR, recibe o VII Premio Nano Cambeiro polo seu esforzo informativo sobre a comarca do Val Miñor* * *O premio consiste nun bronce de Fernando Casás* * * O Premio de Xornalismo NANO CAMBEIRO foi instituído polo Instituto de Estudos Miñoranos para lembrar ao xornalista e ao amigo. Cumprindo co establecido na convocatoria, faise pública a súa resolución ao cumprirse o oitavo aniversario da irreparable perda do xornalista Nano Cambeiro. Na reunión ordinaria do pasado 22 de setembro a Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoranos acordou por unanimidade conceder, nesta sétima edición, o premio ao suplemento mensual /A Peneira do Val Miñor/ do xornal /A Peneira/ tanto polo seu esforzo na difusión e análise da realidade miñorana realizado ao longo destes dous últimos anos, como por incardinarse na iniciativa xornalista do xornal /O Miñor/ que impulsou Nano Cambeiro, unha das mellores mostras de prensa local que houbo no país. Agora o esforzo da empresa editora de /A Peneira/ ven a retomar e a continuar o labor que Nano Cambeiro iniciara. Así mesmo a Xunta de Goberno do IEM transmitiu os seus parabéns ao fundador e director da /Peneira/, Guillermo Rodríguez, tanto pola iniciativa premiada como pola conmemoración dos 25 aniversario do periódico quincenal que, en palabras de Méndez Ferrín, quen recibiu o primeiro premio Nano Cambeiro é: “O periódico sobre territorios históricos de Turonio, como son O Condado, O Val do Louro ou Louriña, O Val Miñor, O baixo Miño, e extende o tentáculo dunhas páxinas en portugués á rexión minhota” O premio, sen dotación económica, consiste nunha peza de bronce obra do escultor e membro do Instituto de Estudos Miñoranos *FERNANDO CASÁS, *que se* *funde para entregar en cada convocatoria*. *A obra escultórica será entregada ao premiado nun acto público a realizar nos meses vindeiros. Nas edicións anteriores o premio recaeu en *Xosé Luís Méndez Ferrín*, *Francisco Fernández del Riego*, *David Reinero González*, na *web www.valminor.info,* dirixida por *Pedro Telmo Rodríguez Castro,* na web *www.* *Salvemosmonteferro.org,* realizada polos irmáns *Xosé* e *Anxo Reigosa Solleiro* e no conxunto de relatos *O Cruceiro de San Campio* dos que é autor *Antonio Valverde.* A Xunta de Goberno do IEM acordou tamén convocar o Oitavo Premio de Xornalismo “Nano Cambeiro” para artigos publicados ao longo do ano 2009, segundo as bases adxuntas. Val Miñor 28 de setembro de 2009 Asdo.: Carlos Méixome Director do Instituto de Estudos Miñoranos
24.9.09
CONCERTO DE GUITARRA CLÁSICA ISTE VENRES
Será ás 20,30 h. con un programa variado.
10.9.09
EXPOSICIÓN TRABALLOS DE ARQUITECTURA
Amigos e amigas do IEM:
Temos o pracer de convidarvos á inauguración da exposición
PREMIOS GRANDEAREA 2008
que terá lugar o próximo VENRES 11 DE SETEMBRO ÁS 20:30H. na AULA DE CULTURA “PONTE DE ROSAS” (Avda. da Feira, 10 baixo, Gondomar).
Nesta nova mostra que presentamos na Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar, sede do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), temos a honra de acoller a exposición dos PREMIOS GRAN DE AREA DE APORTACIÓN Á ARQUITECTURA 2008, instituídos pola Delegación viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Estes premios, promovidos con carácter anual, teñen como obxecto resaltar a calidade arquitectónica dos proxectos e as obras de edificación, tanto de nova planta coma de reforma, xa sexa restauración, rehabilitación ou ampliación. Nesta edición, dos proxectos expostos, cinco deles, en distintas fases de construción, localízanse no Val Miñor, territorio que acolle xa numerosos traballos premiados en edicións anteriores. No acto inaugural intervirá SALVADOR FRAGA, presidente da delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO, que fixo posible que esta exposición chegase ata o Val Miñor. Intervirán tamén dous dos arquitectos premiados: NURIA CAMPOS e JOSÉ LUÍS VARELA ALÉN, por obras realizadas no Val Miñor. A primeira, unha casa en Vilas, Morgadáns, Gondomar e a segunda unha vivenda no Ceán, Nigrán Axuntamos dúas imaxes de obras premiadas no Val Miñor e convite. Despois tomaremos un viño. Saúdos
9.9.09
RESOLUCIÓN DO SEGUNDO PREMIO VICTORIANO TAIBO DE POESÍA
Carlos Negro, ganador do 1º premio no 2008
Onte fixose público o fallo do xurado do 2º Premio de Poesía Victoriano Taibo que promove o IEM co patrocinio da Entidade Menor de Morgadáns. Desta vez a grata sorpresa foi grande, pois a calidade das premiadas fixo que se dise un premio compartido a dúas obras, que por outra parte, teñen tres autoras.
II PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO – ENTIDADE LOCAL
DE MORGADÁNS
No convenio asinado en febreiro de 2008, entre a Entidade Local Menor de Morgadáns (Gondomar), presidida por don Urbano Esmerode, e o Instituto de Estudos Miñoranos, dirixido por Carlos Méixome Quinteiro, ambas institucións acordaron a convocatoria do Premio Anual de Poesía “Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns”.
O día 25 de xullo de 2009 rematou o prazo de presentación de orixinais deste II Premio; a participación foi importante e similar á da 1ª edición cun total de 45 participantes. O día 31 de agosto reuniuse o xurado para deliberar e deixou constancia das dificultades existentes para decidir un gañador dada a calidade de moitas das obras presentadas; decidiron entón seleccionar 6 finalistas e deixar para unha semana máis tarde o fallo definitivo. Os títulos seleccionados foron, por orde de presentación:
+ Road Movie
+ Antítese da Ruína
+ As crebas
+ Cuarto Minguante
+ Biografía da Multitude
+ República do Desacougo
O xurado estaba formado por Araceli Gonda Alonso, xornalista da TVG e natural de Morgadáns; a profesora e poeta Marta Dacosta e Gonzalo Navaza, profesor da U. de Vigo, escritor e poeta, ambos veciños de Peitieiros- Gondomar. Formaban tamén parte do xurado, con voz pero sen voto, Urbano Esmerode, presidente da Entidade Local de Morgadáns, e Miguel Anxo Mouriño (por delegación de Carlos Méixome, presidente do Instituto de Estudos Miñoranos), que actuaba como secretario.
Tras unha nova deliberación en reunión celebrada o 7 de setembro de 2009 o xurado acordou conceder o premio ex aequo aos títulos Cuarto Minguante e Biografía da Multitude. Unha vez abertas as plicas os gañadores resultaron ser:
De Cuarto Minguante: Mª Carmen Caramés Gorgal, domiciliada en Santiago de Compostela.
De Biografía da Multitude: Elvira Riveiro Tobío, domiciliada en Cuntis, e Silvia Penas Estévez, domiciliada en Vigo.
O premio, cunha dotación de 3.000 euros, escultura conmemorativa realizada polo artista miñorán Fino Lorenzo e a edición da obra na colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos denominada Colección Victoriano Taibo, será entregado no marco dun acto que terá lugar en Morgadáns a mediados de novembro para homenaxear a figura de Victoriano Taibo e reivindicar o seu labor literario e cultural. A parte monetaria do premio terá que ser repartida entre as gañadoras, pero non ocorrerá o mesmo co resto pois haberá dúas esculturas e dous libros separados, como merecen a calidade e interese dos dous textos seleccionados.
NOTA SOBRE CUARTO MINGUANTE:
Cuarto Minguante descóbrenos, verso a verso, a dor dunha nai frustada pola morte prematura do seu fillo, a quen invoca e recorda durante todo o poemario con altura poética e sinceridade. A poeta vai espindo a súa alma e compartindo as súas arelas con ese estilo de poesía introspectiva que é de sempre pero tamén imperecedeira, utilizando imaxes connotativas ás veces atrevidas e sempre suxestivas, que consegue engaiolar o lector e facelo partícipe dos seus máis íntimos sentimentos. O libro ten algúns momentos de climax nos que a emotividade se apodera do lector.
NOTA SOBRE BIOGRAFÍA DA MULTITUDE
O Xurado valorou en Biografía da multitude a vontade de crítica ao sistema e a de construción estrutural mediante a articulación dos poemas e dos textos en prosa poética para darnos unha visión deste presente que é, en realidade, un abismo que separa o pasado do futuro.
Biografía da multitude é unha biografía para nós, entendéndonos como parte desa multitude, unha biografía para nos falar da fame dos pobos, das nais que vemos pasar, morrer ante nós, nais que criaron, que crían fillos para mover e remover o mundo, nais de hoxe que levan o fardo da miseria ao lombo, mais que non son en nada diferentes das nais de onte, das nosas nais.
A voz poética de Biografía da multitude declara que o único idioma que mamamos foi o exterminio e que a xeración da voz poética, que nós podemos entender como a xeración que hoxe está na decena dos 30, “amenceu mutilada”, mutilada en canto á capacidade de recoñecemento deste mundo atroz, mutilada en canto á capacidade de reacción.
Hai no libro vontade de construción unitaria vertebrada a través dos poemas da “perversidade dos ciclopes”, símbolo do sistema unifocal que quere uniformizarnos e que procura ser cada vez máis e máis grande, un sistema que nos engana, de aí a perversidade, na súa aparente solidariedade de dar de comer aos pobos que morren de sede, de abrir a porta da gaiola dos pobos oprimidos, nun aceno de liberación que na realidade é unha nova porta de entrada á unha ocupación maior.
O poemario sitúa as súas referencias en Georg Trakl e Sylvia Plath, poetas de curta e intensa vida, de poemas desgarrados e inconformistas co tempo que lle tocou vivir, e ao tempo tamén no rexeitamento da infamia do presente como o poema que nace da denuncia do xenocidio dos nenos no Congo
Biografía da multitude procura a nosa reflexión, procura que espertemos e sexamos conscientes de que nós tamén somos parte desa multitude, unha multitude que migra na procura dun presente mellor. Tal vez por iso a derradeira palabra do libro sexa “lembra”, porque o acto de lembrar, a memoria, é unha das ferramentas que temos para vencer o futuro.
BIO-BIBLIOGRAFÍAS DAS GAÑADORAS
Mª Carmen Caramés Gorgal (autora de Cuarto minguante).- Nada en Santa Comba no 1966, reside en Santiago dende os 14 anos onde se licenciou en Filosofía e Ciencias da Educación e actualmente traballa como mestra de Pedagoxía Terapéutica nun IES da zona do Barbanza.
No ámbito literario, os seus primeiros poemas en galego datan do 2003 e acadaron o 1º Premio do “Certame Rosalía de Castro” do Centro Galego de Santander pola obra Escolma; posteriormente, un 2º poemario, Nas marxes do tempo, foi tamén recoñecido co accésit do “X Certame de Poesía Francisco Añón” do Concello de Outes e no 2007 obtivo o 1º premio do “XII certame Manuel-Oreste Rodríguez López” do concello de Paradela co poemario No nome da nai. Polo que respecta á narrativa, a primeira incursión neste xénero, co relato “Ai Padriño!”, recibiu unha mención especial no “Premio de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo” na súa 34ª edición; un segundo relato, “Días de namorar”, foi galardoado recentemente no “Concurso Relatos de Muller Matilde Bares” do Concello de Bueu.
Elvira Riveiro Tobío.- Naceu en Cerponzóns (Pontevedra) en 1971. Estudou Maxisterio en Pontevedra e Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela. Entre outras actividades, dedícase a impartir cursos de lingua e cultura galega. Actualmente reside no concello de Cuntis. É membro da asociación “Redes Escarlata• e da “Asociación de Escritores en Lingua Galega”. No ámbito literario, e despois de pequenas incursións nalgún medio, comezou a darse a coñecer en 2003, tras gañar o XVII certame de poesía “Rosalía de Castro” da asociación homónima de Cornellà (Barcelona) cun conxunto de poemas que aparecerían publicados en 2005 no libro Arxilosa. Ese mesmo ano (2005) sairía o seu primeiro libro editado: Andar ao leu, e varios poemas da súa autoría serían incluídos na antoloxía Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia, ao coidado de Olivia Rodríguez. Tras colaborar en varios volumes colectivos, en 2008 ve a luz Palabras brancas, finalista do Premio Merlín 2007 e que mereceu o Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil mellor editado de 2008. Este último título (tamén de poesía) é a súa primeira incursión no mundo da literatura para nenas e nenos.
Obra publicada en solitario:
Andar ao leu. Colección Tambo. Deputación de Pontevedra, 2005. Poesía.
Arxilosa. Colección Hipocampo Amigo. Ed. Litoral das Rías. Pontevedra, 2005. Poesía.
Palabras brancas. Colección Merlín. Eds. Xerais, 2008. Literatura infantil e xuvenil. Poesía.
Obra recollida en antoloxías:
Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia. Eds. Eneida. 2005. Poesía
Pontevedra literaria. Antoloxía de textos en homenaxe á Boa Vila. Concello de Pontevedra/Fundación Caixa Galicia. 2007. Poesía
Obra en volumes colectivos:
Relatos de verán 2001. Ir Indo. 2001. Relato
Relatos de verán 2002. Ir Indo. 2002. Relato
Poetas na rúa 2003. Concello de Poio. 2003. Poesía
Sempre mar. Cultura contra a Burla Negra. Asociación Cultural Benito Soto. 2003. Poesía
Os gozos e as sombras. 10 poetas + 10 artistas. Deputación de Pontevedra. 2005. Poesía
Poética da casa. Xunta de Galicia. Consellaría de Vivenda e Solo. 2006. Poesía.
Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo. Difusora de Letras, Artes e Ideas/Xunta de Galicia. 2006. Poesía
Homenaxe dos poetas galegos a Federixo García Lorca contra a súa morte. Pen Clube de Galicia/Foro pola Memoria Republicana de Galicia. 2006. Poesía
Os Dias Da Criação. Incomunidade. 2006. Poesía
A porta verde do sétimo andar. Autoedición. 2007. Poesía
Traslatio literaria e xacobea. Imagine Eds. 2007. Poesía
Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario. Eds. Xerais. 2007. Poesía
Poetas na rúa 2007. Concello de Poio. 2007. Poesía
Letras Novas. Xunta de Galicia. Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. 2008. Artigos
Dez anos de poesía. Premio Faustino Rei Romero. Concello de Rianxo. 2008. Poesía
Tradución:
“Cinema Prado”. In A filla do filósofo de Elena PONIATOWSKA. Ed. Galaxia. 2009.
Outras:
Descubrir Pontevedra. Eds. Do Cumio. 2008. Guía para viaxeiros.
Colaboracións en publicacións periódicas:
Tempos Novos, Arraianos, Galicia Hoxe, A Fontanela, Infoxove, Nazón, A Caramuxa, Fol de Veleno, Verbo Xido, Zapatiños motor…
Silvia Penas Estévez (Vigo 1980)
Naceu no Val do Fragoso. Estudou a EXB, o Bacharelato e a carreira en Vigo. É Licenciada en Filoloxía Galega. Foi lectora de galego na Universidade de Murcia. Dedícase a impartir Cursos de lingua galega e ocasionalmente de lingua portuguesa ou dar clase nalgún colexio ou academia.
En 1998 gañou o I Premio Roberto Blanco Torres de relato curto. En 2003 obtivo o 2º accésit do premio de poesía da Universidade de Vigo e en 2005 o 1º premio deste mesmo certame. En 2007, o terceiro premio do certame GZcrea na modalidade de poesía.
Como feitos destacables ou determinantes na súa breve traxectoria literaria indica o momento en que comezou a participar en actividades coas Redes Escarlata, o verán en que coñeceu a Elvira Riveiro.
Val Miñor 8 de setembro de 2009
Instituto de Estudos Miñoranos
PARABÉNS ELVIRA, SILVIA E Mª CARMEN.
7.9.09
PRÓXIMAS NOVIDADES
Martes 8 de setembro: Escolas de Gullufe, Morgadáns.
13 h. Rolda de prensa para dar a coñecer o gañador/a do 2º Premio de Poesía Victoriano Taibo.
Martes 8 de setembro:
Peirao de Baiona
20 h. Saída da Xeira Marítima a bordo do Nauja.
Mércores 9 de setembro:
20 h. Saída da última xeira programada no veleiro Nauja.
Peirao de Baiona.
Venres 11 de setembro:
Inaguración da exposición
Premios de Arquitectura Grandearea,
do 11 de setembro ao 1 de outubro, de luns a venres de 19 a 21 h.
Nesta cuarta mostra que presentamos na Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar, sede do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), temos a honra de acoller a exposición dos Premios Grandearea 2008, instituídos pola Delegación viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
Estes premios, promovidos con carácter anual, teñen como obxecto resaltar a calidade arquitectónica dos proxectos e as obras de edificación, tanto de nova planta coma de reforma, xa sexa restauración, rehabilitación ou ampliación.
Nesta edición, dos proxectos expostos, cinco deles, en distintas fases de construción, localízanse no Val Miñor, territorio que acolle xa numerosos traballos premiados en edicións anteriores.
Con esta exposición, o Instituto de Estudos Miñoranos dá forma á súa idea inicial de ampliar as temáticas, técnicas, soportes e en xeral todas aquelas expresións creativas de interese social, cultural ou artístico, susceptibles de ser mostradas, xerando unhas expectativas que intentará manter ao longo da vida da sala.
2.9.09
MÁIS VIAXES NO VELEIRO NAUJA
Xa en setembro continuamos coas xeiras no Veleiro Nauja.
Os próximos martes e mércores 8 e 9 de setembro, a partires das 20 h. dende o porto de Baiona, saíremos en dúas novas xeiras marítimas de unhas 3 horas de duración.
Para o martes 8 xa non quedan prazas. Ante a gran demanda e para que non quede ninguén sen a posibilidade de gozar da nosa ría, faremos outra xeira o mércores día 9. Os interesados anotádevos canto antes escribindo á dirección de correo
actividadesiem@gmail.com
ou chamando ao teléfono 616025107.
O prezo é de 18€ por persoa.
Hai 37 prazas por quenda.
30.8.09
FOTOS XEIRA DE TOURÓN 29.8.09
28.8.09
HOXE: XEIRA AOS PETRÓGLIFOS DE TOURÓN
Hoxe temos xeira fóra do Val Miñor. Ás 22,30 h estaremos a carón da igrexa de Tourón, en Pontecaldelas, nun pequeno local dos veciños comezará a xeira coas explicacións de Xosé Lois e o visionado de fotos da arte rupestre. Ao rematar, 30-40 minutos, subiremos aos monte de Tourón para ver o parque arqueolóxico e os seus espectaculares petróglifos. Creo que están de festa en Pontecaldelas. Podedes aproveitar para ir dar unha volta e alimentar o corpo física e mentalmente. Diversión e cultura non teñen porque estar rifadas. Animádevos.
LEMBRANZA: PRÓXIMA XEIRA NO BARCO NAUJA.
O martes 8 de setembro teremos (probablemente a última de ista tempada de verán) outra saída no velero Nauja. Hai que anotarse axiña pois as prazas son limitadas, ( 34-36) e hai moita xente que se está anotando. Prezo 18 € para o armador, o IEM non cobra nada.
Podedes mandar un correo a
actividadesiem@gmail.com
co voso nome, número de telefono e número de persoas que queredes ir.
Saída ás 20 h. do peirao de Baiona.
27.8.09
HOXE XEIRA POLA PEDREIRA E O RÍO VILAR
Hoxe xoves 27 de agosto temos xeira. A Pedreira e o río Vilar serán os destinos da xeira que comeza ás 20 h. no punto de encontro na praia de Santa Marta, en Baiona. A carón do bar da caseta de madeira, no paseo, atoparemonos para dirixirnos en coche ata o C.Cultural de Pedornes, no concello de Oia. Os que non queiran saír a Baona poden aparecer no centro cultural de Pedornes ás 21 h. A isa hora faremos unha presentación de fotos seguidas das explicacións de Xosé Lois Vilar, que nos irá introducindo no que imos ver a continuación , xa de noite, no monte.
Achegaremonos ata os petróglifos da Pedreira, nun paraxe con fermosas vistas sobre o mar e un grupo de petróglifos moi interesantes e variados, con motivos xeométricos, coviñas, sucos e un reticulado nunha pedra vertical; un muíño navicular e outros elementos.
Dende a pedreira baixaremos ata o río Vilar para ver os cuadrupes e barcos que están nas pedras do río, dentro do cauce.
Recomendacións: Roupa de abrigo e calzado e pantalóns fortes. Hai moito toxo e silveiras, aínda que se pasa ben, mais podese un rozar nalgún. Lanternas. Hai que andar pouco a pé. dadas as condicións do terreo ( mal acondicionado e con broza e rastrollos) chegaremos en coche ata a pista que leva á Pedreira, andaremos 500m. e voltaremos, despois de ver os petróglifos, ata os coches para baixar ata o camiño que nos leva ao río Vilar. Camiñaremos 300 m. ata o río e xa estaremos no río.
Recomendamos, de novo: bo calzado (non chanclas nin calzado aberto) e roupa de abrigo, pois ao pórse o sol refría o tempo.
PRÓXIMOS EVENTOS
Venres 28 de agosto: Visita ao campo de arte rupestre de Tourón, Pontecaldelas. Ás 23 h en Tourón, no centro cultural, ao pé da igrexa de Tourón.
Martes 8 de setembro: Viaxe no barco Nauja pola baía de Baiona.
Dadas as peticións e que aínda hai xente que quere ir no Nauja, haberá unha última viaxe, para o público en xeral, o martes ás 20 h no peirao de Baiona, a carón da lonxa.
Os que desexen asistir que manden unha mensaxe a dirección de correo :
actividadesiem@gmail.com
deixando o seu nome e número de tlfno e número de persoas que queren asistir. O prezo por persoa é de 18€, prezo que cobra o barco. Hai prazas limitadas (34-36) polo que anotaremos por orde de inscripción a xente que o demande.
A duración da viaxe é de entre 2 ou 3 horas, dependendo do estado mar.
25.8.09
HOXE, RUTA MARÍTIMA NO NAUJA
Os que estedes interesados en asistir podedes mandar un correo ou un comentario a iste blog, solicitando a vosa praza. Xa sabedes que son limitadas (34-36) pois o barco non pode embarcar a máis xente. O prezo é de 18€ que é o que cobra o barco. O IEM non cobra nada por nengunha xeira nin actividade.
O XOVES XEIRA POLO RÍO VILAR E A PEDREIRA
A penúltima xeira das programadas será para ver os Petróglifos da Pedreira e do río Vilar, en Oia.
Ás 20 h saímos da praia de Santa Marta en Baiona. Hai que levar lanternas e roupa axeitada para pasar por camiños con toxo e xestas. Por desgraza, non estan limpos os camiños nin as proximidades dos petróglifos, polo que é dificultoso o acceso ata iles.
23.8.09
OS NOMES DO MAR
Aparece no xornal dixital Vieiros unha entrevista co noso compañeiro Xosé Lois Vilar
http://www.vieiros.com/nova/76037/a-caza-de-talasonimos-polos-mares-de-baiona
na que fala dos nomes do mar e da visita en barco pola ría de Baiona do próximo martes día 25.
Despois de varios viaxes no veleiro Nauja iste verán, estamos a punto de rematar esta tempada cun último no que agardamos que o tempo acompañe.
Máis información sobre o Nauja
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/velero/huyo/nazis/elpepiautgal/20090822elpgal_17/Tes
AS ÚLTIMAS XEIRAS DO VERÁN
Xa estamos casí rematando a tempada , e consecuentemente as Xeiras. A semana que ven temos o Martes 25, Viaxe pola ría de Baiona no Nauja.
O xoves 27, Xeira polo río Vilar e A Pedreira, no concello de Oia, para ver petróglifos moi singulares.
O venres 28, Visita a Tourón, Ponte Caldelas, para ver a estación de arte rupestre.
Xa en setembro comeza un novo curso con novas actividades e, posiblemente, algunha xeira máis, mentres o tempo acompañe. Xa iremos informando.
MÁIS FOTOS da última visita nocturna ao Tetón:
22.8.09
ÚLTIMA XEIRA POLO TETÓN E MÁIS FOTOS DA XEIRA POLA PORTAVEDRA
Enlaces para ver máis fotos das xeiras da Portavedra (feitas por Bruno Centelles), e a última de onte venres ao monte Tetón.
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=bentevexo&target=ALBUM&id=5372735307279459265
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=bentevexo&target=ALBUM&id=5372741796945808833
21.8.09
XEIRA POLA PORTAVEDRA.FOTOS
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=bentevexo&target=ALBUM&id=5372473062878000881&authkey=Gv1sRgCPLL3-yC5qu5lQE&invite=CPb73_IH&feat=email
Aí tedes as fotos nas que podedes ver a un numeroso grupo de adultos e nenos paseando e coñecendo o noso Val Miñor.
A próxima é hoxe a noite no Tetón. Ás 22,30 no concello de Tomiño comeza a seguinte xeira.
Vémonos.
20.8.09
XEIRA POLA PORTAVEDRA. PLANO DA CAMIÑADA
Para os que queirades máis información sobre o percorrido de hoxe
A XEIRA DE HOXE NO GOOGLE
http://maps.google.es/maps/ms?hl=es&ie=UTF8&msa=0&msid=108669769785304580999.0004718fc7475fb652323&ll=42.073412,-8.76945&spn=0.006769,0.013797&t=h&z=16
19.8.09
NOVA XEIRA POLA PORTAVEDRA
Mañán xoves 20 de agosto, teremos unha nova xeira. Desta vez a natureza, a paisaxe e o patrimono etnográfico , serán os protagonístas, sen esquecer o arqueolóxico.
Hai que camiñar por paraxes moi fermosas que van trocando a altitude e a vexetación. Comezaremos subindo unha pequena encosta duns 300m, saíndo a pé dende o campo de bolos de San Cibrán, para logo pasar abeirando o Coto Acevedo ata chegar a fermosa paraxe das Avelosas. Alí gozaremos do frescor do río e dunha pequena fervenza entre a sombra das aveleiras. Subindo río arriba, pasaremos a beira de dous muíños e xa, cruzando a estrada que leva a Portavedra, pasaremos polo barrio do Cura antes de introducirnos nos humedais da Portavedra seguindo o percurso que leva a Chan do Cereixo e o Curro. Achegaremonos ás Campurras para ver a aldea máis vella de Galiza, a Chan do Cereixo e unha mámoa. Seguindo o rego da Fonte de Anta, voltaremos cara o ponente ollando a ría de Baiona a costa sur e as rías baixas, regresando por un vello bosque cheo de bolos graníticos cubertos de brións e hedras, carballos, loureiros, estripeiros, periños, castaños e aveleiras .
Saída: 17,30 h do local do IEM, Aula de Cultura Ponte de Rosas, avda. da Feira nº 10, Gondomar.
Tempo estimado: 3 a 4 h. (dependendo do número de xente e o ritmo que lle demos á marcha)
Dificultade: Media. Case todo o percorrido vai por camiños e pistas, agás un pequeno treito de 200 m.
Percorrido circular duns 8 a 10 Km. baixa intensidade.