28.8.09

XEIRA POLA PEDREIRA E O RÍO VILAR

Para ver tódalas fotos:

http://picasaweb.google.com/bentevexo/XeiraAPedreira27809#



Posted by Picasa

HOXE: XEIRA AOS PETRÓGLIFOS DE TOURÓN











Hoxe temos xeira fóra do Val Miñor. Ás 22,30 h estaremos a carón da igrexa de Tourón, en Pontecaldelas, nun pequeno local dos veciños comezará a xeira coas explicacións de Xosé Lois e o visionado de fotos da arte rupestre. Ao rematar, 30-40 minutos, subiremos aos monte de Tourón para ver o parque arqueolóxico e os seus espectaculares petróglifos. Creo que están de festa en Pontecaldelas. Podedes aproveitar para ir dar unha volta e alimentar o corpo física e mentalmente. Diversión e cultura non teñen porque estar rifadas. Animádevos.
LEMBRANZA: PRÓXIMA XEIRA NO BARCO NAUJA.

O martes 8 de setembro teremos (probablemente a última de ista tempada de verán) outra saída no velero Nauja. Hai que anotarse axiña pois as prazas son limitadas, ( 34-36) e hai moita xente que se está anotando. Prezo 18 € para o armador, o IEM non cobra nada.
Podedes mandar un correo a
actividadesiem@gmail.com
co voso nome, número de telefono e número de persoas que queredes ir.
Saída ás 20 h. do peirao de Baiona.

27.8.09

HOXE XEIRA POLA PEDREIRA E O RÍO VILAR



































Hoxe xoves 27 de agosto temos xeira. A Pedreira e o río Vilar serán os destinos da xeira que comeza ás 20 h. no punto de encontro na praia de Santa Marta, en Baiona. A carón do bar da caseta de madeira, no paseo, atoparemonos para dirixirnos en coche ata o C.Cultural de Pedornes, no concello de Oia. Os que non queiran saír a Baona poden aparecer no centro cultural de Pedornes ás 21 h. A isa hora faremos unha presentación de fotos seguidas das explicacións de Xosé Lois Vilar, que nos irá introducindo no que imos ver a continuación , xa de noite, no monte.
Achegaremonos ata os petróglifos da Pedreira, nun paraxe con fermosas vistas sobre o mar e un grupo de petróglifos moi interesantes e variados, con motivos xeométricos, coviñas, sucos e un reticulado nunha pedra vertical; un muíño navicular e outros elementos.
Dende a pedreira baixaremos ata o río Vilar para ver os cuadrupes e barcos que están nas pedras do río, dentro do cauce.
Recomendacións: Roupa de abrigo e calzado e pantalóns fortes. Hai moito toxo e silveiras, aínda que se pasa ben, mais podese un rozar nalgún. Lanternas. Hai que andar pouco a pé. dadas as condicións do terreo ( mal acondicionado e con broza e rastrollos) chegaremos en coche ata a pista que leva á Pedreira, andaremos 500m. e voltaremos, despois de ver os petróglifos, ata os coches para baixar ata o camiño que nos leva ao río Vilar. Camiñaremos 300 m. ata o río e xa estaremos no río.
Recomendamos, de novo: bo calzado (non chanclas nin calzado aberto) e roupa de abrigo, pois ao pórse o sol refría o tempo.

PRÓXIMOS EVENTOS

Venres 28 de agosto: Visita ao campo de arte rupestre de Tourón, Pontecaldelas. Ás 23 h en Tourón, no centro cultural, ao pé da igrexa de Tourón.

Martes 8 de setembro: Viaxe no barco Nauja pola baía de Baiona.
Dadas as peticións e que aínda hai xente que quere ir no Nauja, haberá unha última viaxe, para o público en xeral, o martes ás 20 h no peirao de Baiona, a carón da lonxa.
Os que desexen asistir que manden unha mensaxe a dirección de correo :
actividadesiem@gmail.com
deixando o seu nome e número de tlfno e número de persoas que queren asistir. O prezo por persoa é de 18€, prezo que cobra o barco. Hai prazas limitadas (34-36) polo que anotaremos por orde de inscripción a xente que o demande.
A duración da viaxe é de entre 2 ou 3 horas, dependendo do estado mar.

25.8.09

HOXE, RUTA MARÍTIMA NO NAUJA

Hoxe temos outra saída pola baía de Baiona no Nauja. Xa está tódals prazas cubertas, e con máis demanda, polo que a próxima semana teremos outra saída.
Os que estedes interesados en asistir podedes mandar un correo ou un comentario a iste blog, solicitando a vosa praza. Xa sabedes que son limitadas (34-36) pois o barco non pode embarcar a máis xente. O prezo é de 18€ que é o que cobra o barco. O IEM non cobra nada por nengunha xeira nin actividade.


O XOVES XEIRA POLO RÍO VILAR E A PEDREIRA

A penúltima xeira das programadas será para ver os Petróglifos da Pedreira e do río Vilar, en Oia.
Ás 20 h saímos da praia de Santa Marta en Baiona. Hai que levar lanternas e roupa axeitada para pasar por camiños con toxo e xestas. Por desgraza, non estan limpos os camiños nin as proximidades dos petróglifos, polo que é dificultoso o acceso ata iles.




































23.8.09

OS NOMES DO MAR










































Aparece no xornal dixital Vieiros unha entrevista co noso compañeiro Xosé Lois Vilar
http://www.vieiros.com/nova/76037/a-caza-de-talasonimos-polos-mares-de-baiona
na que fala dos nomes do mar e da visita en barco pola ría de Baiona do próximo martes día 25.
Despois de varios viaxes no veleiro Nauja iste verán, estamos a punto de rematar esta tempada cun último no que agardamos que o tempo acompañe.
Máis información sobre o Nauja
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/velero/huyo/nazis/elpepiautgal/20090822elpgal_17/Tes

AS ÚLTIMAS XEIRAS DO VERÁN
Xa estamos casí rematando a tempada , e consecuentemente as Xeiras. A semana que ven temos o Martes 25, Viaxe pola ría de Baiona no Nauja.
O xoves 27, Xeira polo río Vilar e A Pedreira, no concello de Oia, para ver petróglifos moi singulares.
O venres 28, Visita a Tourón, Ponte Caldelas, para ver a estación de arte rupestre.
Xa en setembro comeza un novo curso con novas actividades e, posiblemente, algunha xeira máis, mentres o tempo acompañe. Xa iremos informando.

MÁIS FOTOS da última visita nocturna ao Tetón:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=bentevexo&target=ALBUM&id=5372930557721811553&authkey=Gv1sRgCP3LpJqU4K-d8gE&invite=CJ-c9c0L&feat=email

21.8.09

XEIRA POLA PORTAVEDRA.FOTOS

O xoves pola tarde tocou xeira pola Portavedra e a Chan do Cereixo. Despois dunha subida costa arriba, chegamos ao remanso verde e acolledor da fervenza das Abelosas, o que nos deu azos para seguir camiñando costa arriba ata chegar ao barrio do Crego, na Portavedra, antes de entrar no bosque húmido do lugar chamado monte dos Penedos . Atravesando iste bosque mixto no que poidemos ver bidueiros, salgueiros, periños, carballos, loureiros, acivros, sanguiños, ameneiros e moito brión e hedras gabeando por algún piñeiro aillado, chegamos as chans do Cereixo e a zona de traballo arqueolóxico das Campurras, onde poidemos visitar a, posiblemente, aldea máis vella de Galicia, a carón das augas que abrollan para formar o que será río Cereixo. Entre plantas carnívoras, algodón das brañas, ras e outras herbas, achegámonos ata a mámoa que está perto da Fonte da Anta e xa, de volta, enfiamos cara o norte para ver ao lonxe as illas e o solpor.
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=bentevexo&target=ALBUM&id=5372473062878000881&authkey=Gv1sRgCPLL3-yC5qu5lQE&invite=CPb73_IH&feat=email

Aí tedes as fotos nas que podedes ver a un numeroso grupo de adultos e nenos paseando e coñecendo o noso Val Miñor.
A próxima é hoxe a noite no Tetón. Ás 22,30 no concello de Tomiño comeza a seguinte xeira.
Vémonos.



Posted by Picasa

19.8.09

NOVA XEIRA POLA PORTAVEDRA


































































Mañán xoves 20 de agosto, teremos unha nova xeira. Desta vez a natureza, a paisaxe e o patrimono etnográfico , serán os protagonístas, sen esquecer o arqueolóxico.
Hai que camiñar por paraxes moi fermosas que van trocando a altitude e a vexetación. Comezaremos subindo unha pequena encosta duns 300m, saíndo a pé dende o campo de bolos de San Cibrán, para logo pasar abeirando o Coto Acevedo ata chegar a fermosa paraxe das Avelosas. Alí gozaremos do frescor do río e dunha pequena fervenza entre a sombra das aveleiras. Subindo río arriba, pasaremos a beira de dous muíños e xa, cruzando a estrada que leva a Portavedra, pasaremos polo barrio do Cura antes de introducirnos nos humedais da Portavedra seguindo o percurso que leva a Chan do Cereixo e o Curro. Achegaremonos ás Campurras para ver a aldea máis vella de Galiza, a Chan do Cereixo e unha mámoa. Seguindo o rego da Fonte de Anta, voltaremos cara o ponente ollando a ría de Baiona a costa sur e as rías baixas, regresando por un vello bosque cheo de bolos graníticos cubertos de brións e hedras, carballos, loureiros, estripeiros, periños, castaños e aveleiras .
Saída: 17,30 h do local do IEM, Aula de Cultura Ponte de Rosas, avda. da Feira nº 10, Gondomar.
Tempo estimado: 3 a 4 h. (dependendo do número de xente e o ritmo que lle demos á marcha)
Dificultade: Media. Case todo o percorrido vai por camiños e pistas, agás un pequeno treito de 200 m.
Percorrido circular duns 8 a 10 Km. baixa intensidade.

16.8.09

SUPERANDO RECORS










Máis fotos:

http://picasaweb.google.es/bentevexo/TetonLixeiras#

A xeira do 11 de agosto martes, no monte Tetón superou tódalas previsións.
Máis de 350 persoas (ata aí fomos quen de contar, despois xa foi imposible) achegáronse ata Tomiño, á casa do concello primeiro e despois ata o monte, para gozar dunha noite de petróglifos e estrelas. Benvidos aos veciños de Teo, que viñeron nun autocar dende tan lonxe para acompañarnos na visita.
Da man de Xosé Lois Vilar, poidemos ver no salón de plenos do concello unha serie de fotos sobre a arte prehistórica e as súas orixes, acompañadas das explicacións, sempre exaustivas e con ise toque persoal que lle da que o fai tan ameno.
Moita xente con ganas de ver e coñecer, e de pasalo ben valorando o noso patrimonio.
Dende iste blog queremos pedir a tódolos que nos acompañades nas nosas xeiras, un pouco de comprensión e colaboración. As veces é moi dificil facer as cousas mellor con tanta xente. É por isto que a vosa comprensión e axuda e moi importante. Entre todos tentamos facer das xeiras unha actividade interesante, divertida e formativa, na que dende os máis pequenos aos máis maiores nos sintamos a gusto.
O esforzo persoal é grande, e agardamos que todos lembredes con agarimo as nosas xeiras, a pesares da grande afluencia que limita as posibilidades nalgúns casos. Non é a nosa intención pórlle límites a xente, máis aló do seu comportamento (admirable polo de gora) e o respecto ao noso patrimonio e natureza. Gracias a todos/as.

PRÓXIMA XEIRA: A PORTAVEDRA E CHAN DO CEREIXO
O próximo xoves 20 de agosto, tócanos natureza, paisaxe, ríos e regueiras, plantas e arqueoloxía por paraxes moi fermosas. Haberá lugares novos a visitar cheos de encanto e beleza, antes de chegar á Portavedra e a Chan do Cereixo.
Ás 17,30 horas saímos do local do IEM, Aula de Cultura Ponte de Rosas, avda, da Feira nº 10, Gondomar.

11.8.09

ANTES DE PÓRSE O SOL NO MONTOUTO

Aí podedes ver tódals fotos da xeira de onte pola Groba.
Máis de 200 persoas poidemos gozar dunha fermosa noite chea de encanto e de bo humor.

http://picasaweb.google.com/bentevexo/NoiteDeLobosEEstrels10809
Posted by Picasa

HOXE NOVA XEIRA AO MONTE TETÓN




















Hoxe temos unha nova xeira polo Monte Tetón. Ás 22,30 h no concello de Tomiño teremos unha primeira parte coa presentación dunhas imaxes sobre petróglifos e as explicacións de Xosé Lois Vilar. Ao rematar subiremos ao Monte Tetón onde ademais de ver os petróglifos, poderemos botarlle unha ollada ao ceo que istes días nos amosa as Perseidas.

10.8.09

NON ESQUEZADES A LANTERNA














Non esquezades a lanterna e a roupa de abrigo. Onte á taardiña fixemos unha pequena visita ao Foxo do Lobo para concretar alguns detalles, e sopraba un curisco do norte que animaba a pór unha chaqueta.

Obxectos recomendados para hoxe a noite:
Calzado forte e pantalon longo. Chanclas e sandalias non se recomendan, así como saias ou pantalóns curtos. (hai toxos e pola noite tamen baixan as temperaturas).
Lanterna. Básica para moverse na noite entre o mato baixo , fora da pista ( son poucos metros os que iremos por fóra da pista).
Roupa de abrigo. Polar, cazadora... O verán na serra non é o mesmo que na praia (altitude e vento).
Algo para tumbarse ou/e sentarse. Almofada, manta, toalla ou a propia mochila, poden servir para apoiarse nelas coa cabeza mirando o ceo.(Imos estar mirando o ceo, quedos, bastante tempo)
Bebida quente. Non sentaría mal un "chuculatiño", un café, colacao, té, etc. dependendo dos gustos .
Mochila pequena. Para levar o que fose preciso de todo o que recomendamos. Mellor que che sobre a chaqueta que que che falte.
Lata, bote, botella, chifro, choca, ferro... para meter ruído e xotar ó lobo cara o foxo.
Paciencia e bo humor e imaxinación. Non imos ser moi severos co lobo/a e seremos comprensivos, ¡probe animaliño!
Contos, lendas e historias de medo, nas que o lobo sexa protagonísta. Ista noite o animal mási mitico do mundo será o protagonísta, e todo aquelo que sabemos ou coñecemos da nosa tradición estaría ben polo en común. (O que che contaron de neno, anécdotas, etc).
Telescopio e/ou prismatícos. Para mirar o ceo en puntos concretos.
Tres desexos. Pensa ben que é o que queres de vedade que se cumpra, despois de este verán. Di a tradición que cando se ve pasar unha "estrela fuxidía", hai que pensar en tres desexos rapidamente para que se cumpran. Xa sabedes, levade os deberes feitos para que non vos pille por sorpresa.
Coche para subir a Groba. Hai que subir ata a Cruz de Pao, despois do alto da Groba, xa baixando cara Torroña. Tentaremos repartirnos en santa Marta, para levar os coches precisos. Hai xente que non ten coche e solidariamente, repartirémola nos nosos.

Segundo as previsións metereolóxicas, vai estar bon.