Carlos Negro, ganador do 1º premio no 2008
Onte fixose público o fallo do xurado do 2º Premio de Poesía Victoriano Taibo que promove o IEM co patrocinio da Entidade Menor de Morgadáns. Desta vez a grata sorpresa foi grande, pois a calidade das premiadas fixo que se dise un premio compartido a dúas obras, que por outra parte, teñen tres autoras.
II PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO – ENTIDADE LOCAL
DE MORGADÁNS
No convenio asinado en febreiro de 2008, entre a Entidade Local Menor de Morgadáns (Gondomar), presidida por don Urbano Esmerode, e o Instituto de Estudos Miñoranos, dirixido por Carlos Méixome Quinteiro, ambas institucións acordaron a convocatoria do Premio Anual de Poesía “Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns”.
O día 25 de xullo de 2009 rematou o prazo de presentación de orixinais deste II Premio; a participación foi importante e similar á da 1ª edición cun total de 45 participantes. O día 31 de agosto reuniuse o xurado para deliberar e deixou constancia das dificultades existentes para decidir un gañador dada a calidade de moitas das obras presentadas; decidiron entón seleccionar 6 finalistas e deixar para unha semana máis tarde o fallo definitivo. Os títulos seleccionados foron, por orde de presentación:
+ Road Movie
+ Antítese da Ruína
+ As crebas
+ Cuarto Minguante
+ Biografía da Multitude
+ República do Desacougo
O xurado estaba formado por Araceli Gonda Alonso, xornalista da TVG e natural de Morgadáns; a profesora e poeta Marta Dacosta e Gonzalo Navaza, profesor da U. de Vigo, escritor e poeta, ambos veciños de Peitieiros- Gondomar. Formaban tamén parte do xurado, con voz pero sen voto, Urbano Esmerode, presidente da Entidade Local de Morgadáns, e Miguel Anxo Mouriño (por delegación de Carlos Méixome, presidente do Instituto de Estudos Miñoranos), que actuaba como secretario.
Tras unha nova deliberación en reunión celebrada o 7 de setembro de 2009 o xurado acordou conceder o premio ex aequo aos títulos Cuarto Minguante e Biografía da Multitude. Unha vez abertas as plicas os gañadores resultaron ser:
De Cuarto Minguante: Mª Carmen Caramés Gorgal, domiciliada en Santiago de Compostela.
De Biografía da Multitude: Elvira Riveiro Tobío, domiciliada en Cuntis, e Silvia Penas Estévez, domiciliada en Vigo.
O premio, cunha dotación de 3.000 euros, escultura conmemorativa realizada polo artista miñorán Fino Lorenzo e a edición da obra na colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos denominada Colección Victoriano Taibo, será entregado no marco dun acto que terá lugar en Morgadáns a mediados de novembro para homenaxear a figura de Victoriano Taibo e reivindicar o seu labor literario e cultural. A parte monetaria do premio terá que ser repartida entre as gañadoras, pero non ocorrerá o mesmo co resto pois haberá dúas esculturas e dous libros separados, como merecen a calidade e interese dos dous textos seleccionados.
NOTA SOBRE CUARTO MINGUANTE:
Cuarto Minguante descóbrenos, verso a verso, a dor dunha nai frustada pola morte prematura do seu fillo, a quen invoca e recorda durante todo o poemario con altura poética e sinceridade. A poeta vai espindo a súa alma e compartindo as súas arelas con ese estilo de poesía introspectiva que é de sempre pero tamén imperecedeira, utilizando imaxes connotativas ás veces atrevidas e sempre suxestivas, que consegue engaiolar o lector e facelo partícipe dos seus máis íntimos sentimentos. O libro ten algúns momentos de climax nos que a emotividade se apodera do lector.
NOTA SOBRE BIOGRAFÍA DA MULTITUDE
O Xurado valorou en Biografía da multitude a vontade de crítica ao sistema e a de construción estrutural mediante a articulación dos poemas e dos textos en prosa poética para darnos unha visión deste presente que é, en realidade, un abismo que separa o pasado do futuro.
Biografía da multitude é unha biografía para nós, entendéndonos como parte desa multitude, unha biografía para nos falar da fame dos pobos, das nais que vemos pasar, morrer ante nós, nais que criaron, que crían fillos para mover e remover o mundo, nais de hoxe que levan o fardo da miseria ao lombo, mais que non son en nada diferentes das nais de onte, das nosas nais.
A voz poética de Biografía da multitude declara que o único idioma que mamamos foi o exterminio e que a xeración da voz poética, que nós podemos entender como a xeración que hoxe está na decena dos 30, “amenceu mutilada”, mutilada en canto á capacidade de recoñecemento deste mundo atroz, mutilada en canto á capacidade de reacción.
Hai no libro vontade de construción unitaria vertebrada a través dos poemas da “perversidade dos ciclopes”, símbolo do sistema unifocal que quere uniformizarnos e que procura ser cada vez máis e máis grande, un sistema que nos engana, de aí a perversidade, na súa aparente solidariedade de dar de comer aos pobos que morren de sede, de abrir a porta da gaiola dos pobos oprimidos, nun aceno de liberación que na realidade é unha nova porta de entrada á unha ocupación maior.
O poemario sitúa as súas referencias en Georg Trakl e Sylvia Plath, poetas de curta e intensa vida, de poemas desgarrados e inconformistas co tempo que lle tocou vivir, e ao tempo tamén no rexeitamento da infamia do presente como o poema que nace da denuncia do xenocidio dos nenos no Congo
Biografía da multitude procura a nosa reflexión, procura que espertemos e sexamos conscientes de que nós tamén somos parte desa multitude, unha multitude que migra na procura dun presente mellor. Tal vez por iso a derradeira palabra do libro sexa “lembra”, porque o acto de lembrar, a memoria, é unha das ferramentas que temos para vencer o futuro.
BIO-BIBLIOGRAFÍAS DAS GAÑADORAS
Mª Carmen Caramés Gorgal (autora de Cuarto minguante).- Nada en Santa Comba no 1966, reside en Santiago dende os 14 anos onde se licenciou en Filosofía e Ciencias da Educación e actualmente traballa como mestra de Pedagoxía Terapéutica nun IES da zona do Barbanza.
No ámbito literario, os seus primeiros poemas en galego datan do 2003 e acadaron o 1º Premio do “Certame Rosalía de Castro” do Centro Galego de Santander pola obra Escolma; posteriormente, un 2º poemario, Nas marxes do tempo, foi tamén recoñecido co accésit do “X Certame de Poesía Francisco Añón” do Concello de Outes e no 2007 obtivo o 1º premio do “XII certame Manuel-Oreste Rodríguez López” do concello de Paradela co poemario No nome da nai. Polo que respecta á narrativa, a primeira incursión neste xénero, co relato “Ai Padriño!”, recibiu unha mención especial no “Premio de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo” na súa 34ª edición; un segundo relato, “Días de namorar”, foi galardoado recentemente no “Concurso Relatos de Muller Matilde Bares” do Concello de Bueu.
Elvira Riveiro Tobío.- Naceu en Cerponzóns (Pontevedra) en 1971. Estudou Maxisterio en Pontevedra e Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela. Entre outras actividades, dedícase a impartir cursos de lingua e cultura galega. Actualmente reside no concello de Cuntis. É membro da asociación “Redes Escarlata• e da “Asociación de Escritores en Lingua Galega”. No ámbito literario, e despois de pequenas incursións nalgún medio, comezou a darse a coñecer en 2003, tras gañar o XVII certame de poesía “Rosalía de Castro” da asociación homónima de Cornellà (Barcelona) cun conxunto de poemas que aparecerían publicados en 2005 no libro Arxilosa. Ese mesmo ano (2005) sairía o seu primeiro libro editado: Andar ao leu, e varios poemas da súa autoría serían incluídos na antoloxía Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia, ao coidado de Olivia Rodríguez. Tras colaborar en varios volumes colectivos, en 2008 ve a luz Palabras brancas, finalista do Premio Merlín 2007 e que mereceu o Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil mellor editado de 2008. Este último título (tamén de poesía) é a súa primeira incursión no mundo da literatura para nenas e nenos.
Obra publicada en solitario:
Andar ao leu. Colección Tambo. Deputación de Pontevedra, 2005. Poesía.
Arxilosa. Colección Hipocampo Amigo. Ed. Litoral das Rías. Pontevedra, 2005. Poesía.
Palabras brancas. Colección Merlín. Eds. Xerais, 2008. Literatura infantil e xuvenil. Poesía.
Obra recollida en antoloxías:
Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia. Eds. Eneida. 2005. Poesía
Pontevedra literaria. Antoloxía de textos en homenaxe á Boa Vila. Concello de Pontevedra/Fundación Caixa Galicia. 2007. Poesía
Obra en volumes colectivos:
Relatos de verán 2001. Ir Indo. 2001. Relato
Relatos de verán 2002. Ir Indo. 2002. Relato
Poetas na rúa 2003. Concello de Poio. 2003. Poesía
Sempre mar. Cultura contra a Burla Negra. Asociación Cultural Benito Soto. 2003. Poesía
Os gozos e as sombras. 10 poetas + 10 artistas. Deputación de Pontevedra. 2005. Poesía
Poética da casa. Xunta de Galicia. Consellaría de Vivenda e Solo. 2006. Poesía.
Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo. Difusora de Letras, Artes e Ideas/Xunta de Galicia. 2006. Poesía
Homenaxe dos poetas galegos a Federixo García Lorca contra a súa morte. Pen Clube de Galicia/Foro pola Memoria Republicana de Galicia. 2006. Poesía
Os Dias Da Criação. Incomunidade. 2006. Poesía
A porta verde do sétimo andar. Autoedición. 2007. Poesía
Traslatio literaria e xacobea. Imagine Eds. 2007. Poesía
Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario. Eds. Xerais. 2007. Poesía
Poetas na rúa 2007. Concello de Poio. 2007. Poesía
Letras Novas. Xunta de Galicia. Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. 2008. Artigos
Dez anos de poesía. Premio Faustino Rei Romero. Concello de Rianxo. 2008. Poesía
Tradución:
“Cinema Prado”. In A filla do filósofo de Elena PONIATOWSKA. Ed. Galaxia. 2009.
Outras:
Descubrir Pontevedra. Eds. Do Cumio. 2008. Guía para viaxeiros.
Colaboracións en publicacións periódicas:
Tempos Novos, Arraianos, Galicia Hoxe, A Fontanela, Infoxove, Nazón, A Caramuxa, Fol de Veleno, Verbo Xido, Zapatiños motor…
Silvia Penas Estévez (Vigo 1980)
Naceu no Val do Fragoso. Estudou a EXB, o Bacharelato e a carreira en Vigo. É Licenciada en Filoloxía Galega. Foi lectora de galego na Universidade de Murcia. Dedícase a impartir Cursos de lingua galega e ocasionalmente de lingua portuguesa ou dar clase nalgún colexio ou academia.
En 1998 gañou o I Premio Roberto Blanco Torres de relato curto. En 2003 obtivo o 2º accésit do premio de poesía da Universidade de Vigo e en 2005 o 1º premio deste mesmo certame. En 2007, o terceiro premio do certame GZcrea na modalidade de poesía.
Como feitos destacables ou determinantes na súa breve traxectoria literaria indica o momento en que comezou a participar en actividades coas Redes Escarlata, o verán en que coñeceu a Elvira Riveiro.
Val Miñor 8 de setembro de 2009
Instituto de Estudos Miñoranos
PARABÉNS ELVIRA, SILVIA E Mª CARMEN.